Seis preguntas antes de encargar a web do teu negocio
Antes de pedir presupostos dunha páxina web, aclara estas seis cousas. Aforrarás idas e voltas, e a web que saia será a que o teu negocio necesita.
O atalloAntes de falar de deseño, aclara quen é o teu cliente, que ten que facer na web e quen vai manter o contido.
Moita xente pide presupostos dunha web preguntando só «canto custa?». É normal, pero é a pregunta que menos axuda a quen vai facela. Co mesmo orzamento pode saír unha tarxeta de visita en internet ou unha ferramenta que che traia clientes. A diferenza está nas respostas a estas seis preguntas.
1. Quen che ten que atopar?
Non é o mesmo un comercio de barrio que unha empresa de reformas que traballa en toda a comarca. Pensa en dúas ou tres persoas reais que xa che compran ou che deberían comprar, e en que buscarían en Google ou no móbil para chegar a ti.
2. Que ten que facer alguén cando chega?
Unha web boa ten unha acción principal: chamar, pedir presuposto, reservar, mercar. Se tes catro igual de importantes, ningunha se nota. Decide cal é a túa antes de que ninguén debuxe nada.
3. Que contido tes xa e que falta?
Fotos do local ou dos traballos, textos, logotipo, listaxe de servizos ou prezos. O que non exista hai que facelo, e iso adoita levar máis tempo que a propia páxina. Se parte do contido é fotografía ou vídeo, mellor planificalo desde o principio e non con fotos de banco de imaxes.
4. Quen vai manter a web actualizada?
Cambiar un horario, subir unha oferta ou retirar un produto non debería esixir chamar a ninguén. Pregunta como se fai e canto tardaría. Se a resposta é «tés que pedírnolo a nós», decide se che compensa.
5. De quen é o que se crea?
O dominio (o enderezo da web), o aloxamento e as contas deberían estar a nome do teu negocio. Se non, estás alugando un chan que non é teu. Isto tamén importa se algún día pides unha axuda pública: moitas esixen que a web sexa túa, como acontece coa axuda CO300C para comercios.
6. Que pasa despois de publicala?
Unha web non se acaba o día que sae. Pregunta quen soluciona un erro, quen renova o dominio e que pasa se queres engadir unha páxina dentro de seis meses. Mellor saber agora se é un servizo aparte ou xa vai incluído.
En resumo
Con estas seis respostas por escrito, calquera presuposto que recibas será comparable e o proxecto empezará cunha dirección clara. Se non sabes responder algunha, non pasa nada: é xustamente o que se resolve na primeira conversa.