Que gastos paga a CO300C e cales non: topes por partida
Taboa dos topes e da axuda máxima en cada partida da CO300C de 2026, con exemplos de cálculo e a lista de gastos que non se subvencionan.
O atalloA CO300C paga o 80 % do gasto sen IVE, pero cada partida ten o seu tope. Mira o tope antes de decidir canto gastar.
Cando se fala da CO300C, a pregunta típica é «que me paga a Xunta?». A resposta curta é o 80 % do gasto sen IVE, pero a resposta útil depende de en que o gastes, porque cada partida ten un tope. Esta é a lista da convocatoria de 2026; a de 2027 aínda non está publicada e pode cambiar.
Como se calcula a axuda
A axuda é o 80 % da inversión subvencionable, sen IVE. No ámbito de Vilas Vivas a intensidade sobe 10 puntos, ata o 90 %. Dous exemplos con números sinxelos:
- Unha web que che factura 1.000 € (sen IVE): a axuda é de 800 € e ti pagas 200 € máis o IVE.
- Unha web que che factura 1.500 €: o tope da partida é 1.200 €, así que a axuda é de 960 € e ti pagas os 540 € restantes máis o IVE.
O IVE non se subvenciona nunca, e a orde exclúe as solicitudes cun investimento total inferior a 1.000 €.
Liña 1: dixitalización e innovación comercial
O investimento subvencionable máximo da liña é de 18.750 €, é dicir, ata 15.000 € de axuda. Estes son os topes por partida, sen IVE:
| Partida | Tope | Axuda máxima (80 %) |
|---|---|---|
| Web (con ou sen venda en liña) | 1.200 € | 960 € |
| TPV, impresora de tiques, caixón, lector, impresora de etiquetas, báscula | 1.200 € | 960 € |
| Software de xestión (con implantación e formación) | 5.000 € | 4.000 € |
| Posicionamento dixital (SEO, SEM, ADS) | 2.500 € | 2.000 € |
| Xestor de redes sociais e imaxe dixital | 2.000 € | 1.600 € |
| Etiquetado electrónico | 2.500 € | 2.000 € |
| Click and collect | 2.500 € | 2.000 € |
| Ciberseguridade | 2.000 € | 1.600 € |
| Chatbots | 1.000 € | 800 € |
| Apps móbiles, realidade virtual e aumentada | 2.500 € | 2.000 € |
| Pantallas e escaparates virtuais | 5.000 € | 4.000 € |
| Memoria-proxecto de dixitalización (enxeñeiro informático colexiado) | 2.000 € | 1.600 € |
Fíxate en que a suma dos topes individuais supera os 18.750 €: non podes encher todas as partidas ao máximo. O tope total da liña é o que manda.
Liña 2: modernización comercial
Ten un investimento máximo de 20.000 € e cubre obras de reforma da superficie de venta (tope 5.250 €), proxecto de interiorismo (2.000 €), portas de peche automático (2.000 €), iluminación eficiente (2.000 €), climatización eficiente (4.000 €), fachada, illamento, toldos e rótulos (2.000 €), equipamento (5.000 €) e aromatización e fío musical (1.000 €). Se pides esta liña, a orde esixe fotografías do local antes das obras.
Liña 3: sustentabilidade
Máximo de 2.500 € (sen IVE) en materiais como caixas, sobres, papel vexetal ou bolsas de papel 100 % reciclado, e bolsas de tea de algodón, liño ou cánabo 100 %. As bolsas de plástico non entran.
Que non paga a CO300C
A orde enumera exclusións que convén ter presentes antes de gastar:
- O IVE e os impostos persoais sobre a renda.
- Ordenadores, móbiles, tabletas, televisores e cámaras.
- Maquinaria de proceso industrial (obradoiros artesáns) e maquinaria ou instrumentos para servizos profesionais.
- Materia prima artesanal.
- Vaixela, obxectos decorativos e material non inventariable de menos dun ano de vida útil.
- Obras en almacéns ou zonas que non sexan de venda.
- Recambios e pezas.
- Taxas, licenzas e autorizacións de obras.
- Mantemento ou instalación de alarmas.
- Traballos feitos pola propia empresa solicitante ou con autofacturación.
- Bolsas e elementos de plástico.
Tampouco aparecen como partida a fotografía nin o vídeo na convocatoria de 2026. Se o teu plan inclúe fotos para a web ou as redes, non contes con pagalas coa axuda sen confirmalo antes coa Xunta.
Tres consecuencias prácticas
- Cobras despois. Pagas por transferencia, xustificas e entón chega a axuda. O anticipo do 50 % só existe se o pides e non se concede cando a subvención é inferior a 3.000 €.
- Hai que chegar ao 60 %. Se a inversión xustificada é menor que a concedida, a axuda redúcese proporcionalmente; se non chega ao 60 % da inversión subvencionada, perdes o dereito ao cobro.
- A factura importa. Ten que vir de quen presta o servizo como actividade principal e non pode ser da propia empresa solicitante.
Para as partidas de web e redes, no artigo sobre os requisitos técnicos da web na CO300C tes o detalle. E se queres o resumo de toda a axuda nunha páxina, está na páxina das axudas para comercios. Lembra que a convocatoria de 2026 está esgotada. Se tes dúbidas, escríbenos.
Preguntas frecuentes
Canto é a axuda máxima da liña de dixitalización?
A liña de dixitalización e innovación comercial ten un investimento subvencionable máximo de 18.750 €, e co 80 % a axuda máxima é de 15.000 €. Cada partida ten ademais o seu tope individual.
Paga a CO300C unha cámara ou un ordenador?
Non. A orde exclúe ordenadores, móbiles, tabletas, televisores e cámaras. Tampouco aparece a fotografía ou o vídeo como partida na convocatoria de 2026.
Hai un investimento mínimo para pedir a axuda?
Si. Non son subvencionables as solicitudes cun investimento total inferior a 1.000 €.
Cóbrase a axuda antes ou despois de pagar o servizo?
Despois. Hai que pagar por transferencia, xustificar o gasto e entón chega a axuda. O anticipo do 50 % só existe se se pide e non se concede cando a subvención é inferior a 3.000 €.