Perfil de Empresa en Google: dar de alta o teu negocio
Como crear ou reclamar o Perfil de Empresa de Google, que datos coidar e que erros evitar para que o teu negocio local apareza en Google e Maps.
O atalloO Perfil de Empresa é gratuíto e é o primeiro que ven moitos clientes. Dáo de alta, verifícao e mantén os datos iguais aos da túa web.
Cando alguén busca «panadaría preto de min» ou o nome dun comercio, Google non lle amosa só webs: ensina un cadro co horario, a localización, as fotos e a posibilidade de chamar ou chegar. Ese cadro é o Perfil de Empresa e dalo de alta non custa nada. Para un negocio local, é unha das melloras máis sinxelas que se poden facer.
Que é o Perfil de Empresa
É a ficha gratuíta que Google asocia a un negocio e que aparece nas buscas e en Google Maps. Alí se ve o nome, o enderezo, o horario, o teléfono, a web, as fotos e as valoracións. Quen xestiona o perfil pode editar eses datos.
Como decide Google a quen amosa nas buscas locais?
Para buscas como «panadaría preto de min», a axuda de Google di que o resultado depende sobre todo de tres factores:
| Factor | Que significa |
|---|---|
| Relevancia | Canto encaixa o teu perfil co que busca a persoa |
| Distancia | Canto de lonxe estás de quen busca |
| Proeminencia | Canto de coñecido é o negocio: enlaces desde outras webs e número e calidade das valoracións |
Google engade que o detalle do seu algoritmo é confidencial e que non se pode solicitar nin pagar un mellor posicionamento local. A distancia non a podes cambiar; o resto, en boa parte, si: verificar o perfil, completar os datos, engadir fotos e responder ás valoracións son as accións que recolle a propia axuda. Para o contorno da web, tes que podes facer ti en SEO local.
Como dalo de alta
Segundo a axuda oficial de Google, os pasos son estes:
- Entra en business.google.com/add.
- Escolle «Engade a túa empresa a Google».
- Completa os datos que che pide.
- Escolle unha opción de verificación e sigue os pasos.
Google avisa de que a dirección ten que ser correcta e cumprir as súas directrices. Só poden engadir ou reclamar a súa ubicación as empresas que cumpran os requisitos de Google; se tes dúbidas sobre se o teu tipo de negocio encaixa, ou non atendes ao público nun local, consulta esas directrices antes de pór nada.
E se o negocio xa aparece en Maps?
Pode que exista un perfil sen verificar. Busca o negocio en Google Maps, escolle «Reclamar esta empresa», despois «Xestionar agora», e segue a verificación. Se o perfil xa está verificado por outra persoa, hai que pedir a propiedade ao titular actual.
Que datos coidar
Aquí non hai trucos, hai coherencia. Son consellos de sentido común, non requisitos de Google:
- Nome, enderezo e teléfono iguais aos da túa web, de Facebook e de Instagram. Se un di «Rúa Nova 4» e outro «R/ Nova, 4», que sexan o mesmo texto.
- Horario real, incluídos festivos e vacacións. Un horario errado fai perder visitas e paciencia.
- Fotos propias do local, do produto e do equipo. Mellor poucas e boas ca moitas pobres. Os requisitos que indica Google e que subir en cada apartado están no artigo sobre as fotos do Perfil de Empresa.
- Unha descrición honesta do que fas, sen frases baleiras.
- Enlace á web con enderezo definitivo.
Valoracións
Non compres valoracións nin as condicionas a un agasallo: Google ten políticas contra iso, e convén ler as súas normas. O que si podes facer é responder a todas, tamén ás malas, con educación e sen discutir. Unha resposta serena di moito de como traballas.
Que revisar cada mes
Un perfil non se fai unha vez e xa. Dedícalle uns minutos ao mes:
- Horario: hai festivos, vacacións ou cambios de tempada que non estean reflectidos?
- Valoracións novas: hai algunha sen resposta?
- Fotos: hai algo novo que amosar (obra rematada, produto de tempada, local reformado)?
- Datos de contacto: seguen coincidindo co teléfono e o enderezo da web e das redes?
- Enlace á web: segue funcionando e leva á páxina que che interesa?
Se tamén usas WhatsApp Business ou redes, convén decidir onde estar e con que papel para que os datos non se contradigan.
Erros que se repiten
- Non verificar o perfil: sen verificar, non controlas o que se amosa.
- Deixalo abandonado con horarios antigos ou un negocio pechado que aínda aparece aberto.
- Poñer un enderezo que non cumpre as directrices de Google só para parecer máis céntrico.
- Ter varios perfís do mesmo negocio.
Como encaixa coa web
O perfil e a web fan traballo distinto: o perfil responde ao que se quere saber de pasada (onde estás, cando abres), a web explica o que ofreces. Se aínda non tes web, as seis preguntas antes de encargar unha web axudan a aclarar que necesitas. E se estás pensando na axuda CO300C para renovala, mira primeiro os requisitos técnicos.
Se tes dúbidas, escríbenos.
Preguntas frecuentes
Canto custa dar de alta o Perfil de Empresa?
Nada. Google indica que engadir ou reclamar unha empresa é gratuíto.
Que fago se o meu negocio xa aparece en Google Maps?
Probablemente haxa un perfil sen verificar. Busca o negocio en Google Maps, escolle «Reclamar esta empresa» e segue os pasos de verificación. Se xa está verificado por outra persoa, hai que pedir a propiedade ao titular actual.
Fai falta ter web para ter Perfil de Empresa?
Non é obrigatorio, pero convén. O perfil leva a web como enlace e se os datos dun e doutra coinciden, a información é máis fiable para quen te busca.
Que pasa se non teño local aberto ao público?
Google ten directrices propias para as empresas que atenden a clientes fóra do seu local. Léas antes de poñer a dirección, porque a dirección debe cumprir as normas de Google.